19-06-2009

Xornadas de formación en Compostela:dereitos e estratexias lingüísticas


Logo de grande éxito do Seminario de Autodefensa Lingüística que tivo lugar onte, xoves 18 de xuño, no Salón de Actos da Deputación de Lugo, con preto do centenar de asistentes, A MESA colabora coa CTNL na celebración en Compostela das Xornadas nacionais de formación en dereitos e estratexias lingüísticas.


As premisas das que parte son similares ás do Seminario de Autodefensa L. Animámosvos a asistir a este importante acto formativo na capital do noso País, así como a difundir o mesmo.

----------------------------------------------------------------------

Benquerida/o amiga/o,Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística, organizamos a Xornada de formación en dereitos e estratexias lingüísticas. Argumentos para o debate social na defensa do galego, que terá lugar o sábado 27 de xuño pola tarde en Santiago de Compostela, e na que nos gustaría que participases.


OBXECTIVOS XERAIS DA XORNADA
Con esta xornada preténdese transmitir dun xeito moi breve, claro e sinxelo a evolución e situación sociolingüística actual e difundir os dereitos e deberes lingüísticos que nos asisten sectorialmente, así como arrombar cos tópicos que están servindo de escusa para reducir a presenza pública galego

17.15 h. Recepción e entrega de documentación17.30 h. SOBRE SOCIOLINGÜÍSTICA E PLANIFICACIÓN
Evolución dos datos sociolingüísticos en Galiza. Claves interpretativas da situación actualGoretti Sanmartín ReiXefa do Servizo de Normalización Lingüística e profesora titular de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña
As políticas de planificación lingüística como resposta ás tendencias desgaleguizadoras da sociedadeMª do Pilar García NegroProfesora titular de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña
18.30 h. Debate e pausa19.00 h. SOBRE DEREITOS LINGÜÍSTICOS
Aspectos constitucionais do estatuto xurídico do galego. Realidade xurídica, mitos e propostas públicas de dubidosa legalidadeLuís Villares NaveiraXuíz titular do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da Fonsagrada
Estatuto xurídico do galego na función pública. Notas para o exercicio dos dereitos lingüísticos fronte e dende as administracións públicasXabier Antonio Ferreira FernándezProfesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela
Estatuto xurídico do galego no ensino non universitario. Argumentos para o debate social dende a perspectiva do estudantado, as familias e a comunidade educativaAlba Nogueira LópezProfesora titular de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela
20.15 horas. Debate e peche da xornada ás 20.45 h

PARTICIPACIÓN, LUGAR E ORGANIZACIÓN
PERSOAS DESTINATARIAS E PARTICIPACIÓNPoden participar nesta xornada todas aquelas persoas que o desexen, de balde e sen inscrición previa
LUGARCentro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche (Frei Rosendo Salvado 14-16, baixo. Santiago de Compostela)
Visualizar o mapa ampliado

11-06-2009

Seminario de Autodefensa Lingüística





Diante dos ataques que a lingua galega está a recibir dende diversos sectores sociais e políticos, a Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo decidiu organizar un SEMINARIO DE AUTODEFENSA LINGÜÍSTICA o día xoves 18 de xuño ás 20:00 horas no SALÓN DE ACTOS DA DEPUTACIÓN de Lugo.

Este acto está enfocado a explicar a actual situación do idioma galego, así como as últimas novas relativas ás medidas que está a adoptar o novo Goberno da Xunta e que supoñen un claro retroceso no status social e legal da lingua galega.

O seminario pretende ao mesmo tempo fornecer de ferramentas e argumentos cos que defender o noso idioma dos ataques que está a recibir.

Dada a importancia de dar unha resposta acaída á actual situación, queremos convidarte a asistir a este Seminario, así como a que deas traslado deste convite a todas cantas persoas sensibilizadas co idioma coñezas.

Agradecéndoche de antemán a túa colaboración na defensa da lingua galega,

Recibe un afectuoso saúdo.

A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA (ZONA DE LUGO)

18-05-2009

1º Premio: "Por que non en galego?", da ENDL do CPI Cernadas de Castro de Lousame

2º premio: "División", por Iago e Lolo

3º premio: "Zara, home, zara", de Lolo e Iago

Viaxe de fin de curso, de Gabriel e Wenxiao

Os Reis Magos chegan á estación de autobuses de Lugo

Invasores

Sen galego quedamos xeados

16-05-2009

Vídeo "Galego", de Marcos Prado Fandiño

15-05-2009

Premios do II Concurso Popular de vídeos "Mobilízate pola língua"



Alumnos do intituto de Lousame, na provincia da Coruña, resultaron gañadores da segunda edición do concurso de videos sobre a situación do galego Mobilízate pola Lingua, organizado dende a Mesa pola Normalización Lingüística.

O acto de entrega dos premios, celebrouse o xoves 14 de maio no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Neste acto proxectáronse as curtas gañadoras que foron: Por que non en Galego ? (obra colectiva dos estudantes do instituto de Lousame); División (Lolo e Iago - Lugo); Zara Home Zara (Lolo e Iago - Lugo).

O xurado estivo formado polo director de cine Jorge Coira, a directora teatral Tareixa Campo e o presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística, Nel Vidal. Ademais da proxección dos vídeos premiados tamén se proxectou o documental Modelo Burela sobre a integración lingüística nesta vila da Mariña.

Nesta segunda edición do concurso de vídeos Mobilízate pola Lingua tivo como obxectivo que os rapaces e rapazas de toda Galiza gravaran cos seus telemóbeis situacións da súa vida cotiá nas que teñen problemas ou dificultades para poder expresarse en galego. O certame deste ano busca afondar na relación entre a mocidade e o galego a través das novas tecnoloxías.

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, entregou os premios deste certame organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística que achegou a Lugo vídeos enviados dende diferentes cidades, vilas e aldeas do país. O acto rematou cunha actuación do músico tradicional Luis O Caruncho que interpretou varios temas acompañado da súa zanfona.

Nas próximas horas subiremos todos os vídeos participantes

29-04-2009

II Concurso de vídeos: MOBILÍZATE POLA LÍNGUA



A Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Lugo centro, organiza por segundo ano consecutivo o concurso de vídeos Mobilízate pola Língua que pretende que os rapaces e rapazas de toda Galiza graben cos seus teléfonos móbiles situacións da súa vida cotiá nas que teñen problemas ou dificultades para poder expresarse en galego. O certame deste ano busca afondar na relación entre a mocidade e o galego a través das novas tecnoloxías. O prazo de envío de vídeos remata o vindeiro 13 de maio.

As bases do concurso foron enviadas a todos os centros de ensino de primaria e secundaria da provincia, así como ás escolas de imaxe e son. Así mesmo, poden consultarse e descargar ao pé desta noticia ou descargalas desde aquí.

As grabacións poderán ter unha duración máxima de dous minutos en calquera formato. Teñen cabida pezas e creacións de todo tipo, dende o punto de vista humorístico, dramático, épico ou simplemente descritivo. Iranse colgando os vídeos participantes a medida que vaian chegando.

Os membros do xurado serán persoas vinculadas ao mundo audiovisual galego e á normalización lingüística, entre eles o director de cinema Jorge Coira e Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. O acto de entrega de premios terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo o 14 de maio ás 20:00 horas. Proxectaránse todas as curtas recibidas e os videos gañadores. Os premios consisten en tecnoloxía en galego.

O concurso foi presentado na Galería Sargadelos de Lugo polo responsable da Mesa en Lugo, Fernán Xosé Mourenza, quen animou aos centros de ensino da provincia a participar no concurso, aínda que serán admitidas tamén cintas chegadas doutros puntos de Galiza e do estranxeiro. Aínda que se dirixe de xeito preferente á mocidade, o certame está aberto tamén a persoas de todas as idades.

-----------------------------------------------------------------------------------------------

BASES DA CONVOCATORIA DO CONCURSO “MOBILÍZATE POLA LINGUA.
POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO”

Primeiro-. Entidade convocadora-. A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo (MNL) convoca o concurso “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”. O seu obxectivo é fomentar entre a mocidade actividades que chamen a reflexión sobre a dificultade de vivirmos plenamente exercendo os nosos dereitos lingüísticos como galegas/os.

Segundo-. Perfil dos participantes-. Poderán concorrer ao concurso mozas e mozos de ata noventa e nove anos. A candidatura para o concurso poderase presentar individualmente ou por equipos.

Terceiro-. Contido do vídeo-. As/os participantes deberán elaborar un vídeo no que recollan situacións, reais ou dramatizadas, que expresen as dificultades que a cidadanía galega se pode atopar para empregar con normalidade o idioma galego nos distintos eidos cotiáns da vida: no ensino, nas administracións públicas –estatal, local ou autonómica-, nos hospitais, nos xornais, na empresa privada –como consumidores ou traballadores- etc. O traballo poderá ser enfocado dende calquera punto de vista: humorístico, dramático, épico, descritivo, etc. Valoraranse especialmente a orixinalidade, a claridade das mensaxes, a capacidade de transmisión de contidos dos obxectivos e a calidade técnica dos vídeos.

Cuarto-. Requisitos técnicos-. O traballo non terá unha duración superior a dous minutos. O vídeo poderá ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación (vídeo-cámara, cámara dixital ou cámara de móbil). Os arquivos serán enviados por correo electrónico a amesalugo@hotmail.com , por MMS ao nº 620 56 57 12, ou por correo ordinario á Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo. En todos eles indicarase “Concurso Mobilízate”, nome do/s autores, centro de ensino ao que pertencen, no seu caso, e nº de contacto. O prazo de admisión de traballos remata ás 18 horas do día 13 de maio.

Quinto-. O xurado-. O xurado estará formado por un/ha profesional do sector audiovisual galego, un membro dun Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística dunha Admon Pública –que non poderá pertencer a ningún centro de ensino participante no concurso- e un actor/actriz galego/a de prestixio. O xurado visualizará todas as candidaturas recibidas e emitirá un veredicto, por maioría de votos, que será inapelable. Os premios poderán ser declarados desertos.

Sexto-. Os premios-. Establécese unha única modalidade de concurso, con tres premios. Todos eles consistirán en aparatos de telecomunicacións (reprodutor de DVD, cámara de fotos e teléfono móbil). Se algún dos premios fose unha obra colectiva, premiarase a maiores cunha memoria USB de gran capacidade a cada un dos gañadores, cun máximo de cinco unidades por premio. Os premios poderán ser substituídos por outros de calidade e valor semellantes.

Sétimo-. Os dereitos sobre as obras en concurso e a súa emisión pública-. Os participantes ceden os seus dereitos sobre as obras por un tempo de seis meses, durante o cal a MNL adquire a obriga de difundilos co nome dos seus autores nas súas canles habituais de comunicación pública. O tratamento da información persoal realizarase conforme á LO 15/1999, de protección de datos. Todas as obras serán reproducidas durante o acto que a MNL celebrará na cidade de Lugo o 14 de maio de 2009. O acto levarase a cabo no salón de actos da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, a partir das oito da tarde. Os asistentes serán obsequiados cun CD con todas as obras participantes. As obras iranse colgando para o seu visionado previo e público na seguinte bitácora da MNL: www.amesalugo.blogspot.com. A organización, se o tempo o permite, pode variar o espazo do acto para realizalo ao aire libre.

Oitavo-. Aceptación das bases-. A participación neste concurso implica a aceptación destas bases. Para máis información poden dirixirse á: Mesa pola Normalización Lingüística –Zona de Lugo-, Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo, chamando ao teléfono nº 620 56 57 12, ou ao enderezo amesalugo@hotmail.com

PODES VER OS VIDEOS DO ANO PASADO NO FONDO DO NOSO BLOG
(entrada de maio de 2008)

30-03-2009

Modelo de reclamación fronte incumprimentos da administración autonómica



Achegamos un modelo de reclamación fronte aos incumprimentos en calquera departamento da administración pública autonómica (Xunta).

A presentación desta queixa en calquera rexistro público dá lugar a un procedemento específico de tramitación.

Animámoste a que utilices este documento, elaborado pola MESA de Lugo, ante calquera exclusión ou agresión contra a nosa lingua por parte dos organismos da Xunta.

01-03-2009

Máis fotos da comparsa de Antroido 2009






Antroido 2009, Lápidas para o galego




Nas populares festas de Antroido, A Mesa ten participado con comparsa propia. En forma dun novo "paseo literario", denunciáronse con humor e retranca as discriminacións que sofre o noso idioma na capital lucense e na Patria enteira.
Eis as fotos da comparsa máis choqueira e rexoubeira.

05-01-2009

OS REIS MAGOS CHEGAN Á ESTACIÓN DE AUTOBUSES DE LUGO


Os Reis Magos de Oriente xa están en Lugo cargados de agasallos para as nenas e nenos da provincia. Para podérense desprazar a todas as vilas decidiron coller o bus, e por iso viñeron á Estación de Autobuses de Lugo. Os reis teñen a maxia de falar todas as linguas do mundo.. pero en cada país só entenden a lingua propia, así que en Galicia entenden o galego.. por iso están desorientados na estación: a megafonía só fala castelán, non hai maneira de facturar equipaxes (só facturan equipajes) non hai saída para esta situación (só salida)..e o que é aínda máis soprendente, os carteis dos destinos das localidades están escritos en nomes inventados, como Orense, El Santo, Ribera de Piquín, La Rúa, Villamayor, Piedrafita.. así que os reis terano difícil para chegar hoxe aos/ás máis cativos/as da casa a tempo..

Afortunadamente, a maxia REAL fixo que dos agasallos aparecesen un para as empresas de transporte, cos topónimos debidamente escritos, outra caixa enorme dirixida á Consellaría de Transportes e Ordenación Territorial, con competencia na materia, para galeguizar a sinaléctica da Estación e finalmente, dirixido ao xerente, un agasallo con CARBON E A LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA para que saiba como hai que dirixir as instalacións e por terse portado tan mal co noso idioma todos estes anos, negándose a corrixir as formas deturpadas e poñendo a sinalización en galego, malia os requerimentos feitos. Con este acto queremos denunciar unha situación real: a vulneración dos dereitos lingüísticos polas administracións en instalacións e servizos públicos. Levamos máis dun ano pedindo a fin a estes feitos mediante cartas e tentativas frustradas de entrevistas que dende a Consellaría de Política Territorial e Transportes nin da Xerencia da Estación se teña feito nada por solucionalo. Denunciamos: - o incumprimento do deber de promoción da nosa lingua a nivel escrito, negándonos a posibilidade de ler os servizos que oferta a estación en galego; - a inexistencia da lingua galega na megafonía nos anuncios dos destinos de viaxeiros; - o emprego de formas deturpadas e polo tanto ilegais dos topónimos galegos. ESIXIMOS O CESAMENTO INMEDIATAO DAS VIOLACIÓNS DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS NA ESTACIÓN DE AUTOBUSES DE LUGO

video

30-12-2008

Pola galeguización da Estación de Autobuses


A estación de autobuses da capital lucense non só ignora a lingua galega, senón que mesmo proporciona exemplos aberrantes de vulneración da legalidade lingüística en materia toponímica: Feria del Monte, Piedrafita, Orense...


O galego non existe na megafonía, e alí ten sede unha suposta "Jefatura" provincial de transportes da Xunta de Galicia.


Desde A Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Lugo-centro tense tentado establecer infrutuosamente contacto en numerosas ocasións co xerente responsábel da xestión da Estación. A situación prolóngase no tempo e é hora de denunciar publicamente esta vulneración flagrante dos dereitos lingüísticos.


Nos próximos días terán lugar diversos actos públicos de denuncia.

12-10-2008

Para facer efectivo o dereito dos pacientes a seren atendidos no idioma do País, A Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Lugo está a fomentar as reclamacións individuais para que o Servizo Galego (?) de Saúde exerza como tal.

A reclamación individual é o que todo o mundo ten que levar xa da casa cando vai ao hospital para cando o atendan en español. Vale tanto para ir de paciente como para ir de acompañante, ou simplemente a pasar o día por alí... Podes descargar a túa, cubrila e presentala.

A evolución das respostas recibidas por parte da Administración é bastante interesante. Partiuse da manifestación da suposta inexistencia de demanda, a presentar desculpas.

Aquí tes algunhas das cartas recibidas.


Campaña polo Día de Defuntos


Co gallo do Día de Defuntos, A Mesa da zona de Lugo está a desenvolver unha campaña para a normalización do sector funerario. A lingua maioritaria dos lugueses está practicamente ausente en todo o material relacionado con eses momentos polos que a todos nos tocará pasar.


Neste sentido, os asociados da Mesa de Lugo, entre outras actividades, están a recompilar os modelos de esquelas que as empresas utilizan para seren publicadas nos medios, para logo facilitar eses mesmos formatos normalizados. Estase a favorecer deste xeito a escolla lingüística por parte dos familiares do cliente.


En galego, de principio a fin!

17-05-2008

Os gañadores do concurso Mobilízate Pola Lingua foron:

1º Premio: A DÚBIDA, de Sara Vázquez Vázquez e Anxo Fole Lamas, do I.E.S. Santiago Basanta Silva de Vilalba

2º Premio: QUEDACHES SEN LINGUA, de Gael Carballo Seara, da Escola Fundación TIC

3º Premio: PERRUQUERÍA, de Gael Carballo Seara, da Escola Fundación TIC